O Concello de Bueu, a través da concellaría de cultura, organiza este mes de agosto o ‘Verán na rúa’, un proxecto con espectáculos para a cativada que incluirá diversas disciplinas como monicreques ou malabares.
As actividades de espectáculos desenvolveranse todos os martes de agosto a partir das 20.30 horas na Praza Massó, e irase alternando por diversos lugares das tres parroquias. O obxectivo é, como é habitual, ofrecer alternativas de lecer para os pequenos e pequenas e para compartir en familia durante o verán.
As actividades de Verán na rúa, que contan coa colaboración do programa + Escénicas da Deputación de Pontevedra, arrancarán o martes 4 de agosto con A vela Circo e “O último que apague a luz”, que se propón coma unha aloucada cerimonia que nos fará reflexionar sobre o porqué de certas tradicións. Neste ritual, como en toda gran voda, mestúranse o clown, equilibrios sobre torta, manipulación de obxectos entre veos e o lanzamento olímpico do ramo. Todos estes elementos conxúganse na procura dun circo do absurdo, o ritmo e a poética do caos do noso tempo.
O 11 de agosto será a quenda de Teatro O Cubo e a obra “Ghop”, un espectáculo de rúa áxil, participativo e cheo de humor, cun berro cheo de ímpeto e acorde coa estética clásica dos circos ambulantes que no pasado percorrían as prazas das vilas e das aldeas.
O 18 de agosto, a proposta será “Tachán” de Inventi Teatro, que vén cargado de maxia, circo e moita diversión. Despois dunha xogada do destino os protagonistas desta historia, afogados polas débedas e pola precariedade inmobiliaria, deciden facerse coas pertenzas dun antigo circo para probar sorte no mundo do espectáculo. Grazas á ilusión e á súa amizade inquebrantable converteranse nos artistas máis sorprendentes da pista.
E xa por último, o 25 de agosto poderase gozar do Mago Noel e “Que curioso!”, no que se combina maxia, humor e circo cunha alta participación do público e a combinación de malabares, música e poesía.