Bueu
Ciclo de cinema mudo 'O poder da imaxe'
Data de publicación: 23/10/2026
O Concello de Bueu presenta o ciclo de cinema mudo 'O poder da imaxe'
CICLO DE CINEMA MUDO 'O PODER DA IMAXE'
O Concello de Bueu presenta O poder da imaxe, un ciclo de cinema mudo en catro sesións co que inaugura a programación cultural de outono. Comezará o xoves 29 de outubro e continuará os xoves 5 e 12 e o sábado 21 de novembro, sempre ás 20.00 h, no auditorio do Centro Social do Mar de Bueu. A entrada é de balde.
O ciclo recupera en pantalla grande un patrimonio cinematográfico esencial, nun percorrido que vai do melodrama lírico de Murnau á comedia social de Chaplin, pasando pola mirada de Ozu sobre a infancia e a familia. É unha programación pensada para todos os públicos.
«Este proxecto nace da necesidade de abrir un espazo para a reflexión, de devolverlle protagonismo ao silencio e ás cousas aparentemente máis sinxelas, propias dunha época menos complexa na que as relacións persoais eran máis naturais e espontáneas. Vivimos nun momento no que todo é superficial e efémero e mesmo desaparece a capacidade de análise, de crítica e de compromiso social», explica o alcalde de Bueu, Félix Juncal Novas.